O Máster Dual en Información Xeoespacial exponse como unha oportunidade para que os graduados de carreiras técnicas e/o científicas poidan mellorar a súa empregabilidade mediante o
desenvolvemento de competencias e habilidades que lle permitan acceder ao emerxente sector das xeotecnoloxías e a industria xeoespacial.

Ofrécese unha formación integral, cunha metodoloxía dual baseada na aprendizaxe teórica-práctica Universidade-Empresa, para xerar perfís profesionais demandados no momento actual e cun crecemento esperable en anos próximos, tendo en conta a aposta decidida do goberno rexional por este sector, tal e como se expón a continuación.

O título toma como referencia o Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, impulsado pola Xunta de Galicia, e en particular a chamada Civil UAV Initiative, iniciativa estratéxica pioneira en Europa para atraer investimentos no sector aeroespacial e desenvolver solucións innovadoras no ámbito da industria de sistemas e vehículos non tripulados. Permitiu atraer a Galicia a grandes compañías multinacionais do sector aeroespacial (BOING, AIRBUS, INDRA) e logrou xerar e consolidar tecido industrial en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia, xerando a necesidade de incorporar persoal altamente cualificado.

Neste contexto, un consorcio liderado polas multinacionais TELESPAZIO e BABCOCK foi seleccionado en 2022 como socio estratéxico para o Reto particular de “Observación e xestión da Biodiversidade” a través do proxecto GEOSUB, cun orzamento de 21 M€ e unha duración de 5 anos. Dita proposta inclúe un acordo entre TELESPAZIO e UVIGO mediante o cal a universidade asume o deseño e oferta dun proxecto formativo común que contribúa a paliar o déficit de profesionais no campo da industria xeoespacial e, en particular, na xestión e análise da información xeoespacial. Pola súa banda, a empresa asume o compromiso explícito de oferta e financiamento de contratos formativos curriculares durante os anos de duración do proxecto.

O mestrado exponse cunha estrutura dual, de forma que os estudantes reciben unha base teórico-práctica durante 3 meses na universidade para, a continuación, ser contratados nun período formativo de 6 meses nas empresas (prácticas remuneradas e alta en Seguridade Social), de forma que se facilite a inserción laboral dos egresados formados nos diferentes temas relacionados coas xeotecnoloxías e a industria xeoespacial.